As crebas de Miro Villar

O ceense Miro Villar recolle o premio Concello de Carral polo seu novo poemario, «As crebas»

 

O xurado destacou «a mistura do clasicismo, culturalismo e compromiso social»

O poeta, escritor e crítico literario ceense Miro Villar vén de recoller un novo premio literario. Nesta ocasión foi en Carral, onde o alcalde da vila, José Luis Fernández Mouriño lle entregou o galardón da edición número 13 do certame de poesía do concello pola súa obra As crebas , que será publicada pola editorial Espiral Maior, coa que xa sacou á luz outros poemarios, coma Ausencias pretéritas (1992) ou Abecedario da desolación (1997).

O xurado, formado polos poetas Eli Ríos, Baldo Ramos e Tati Mancebo, ademais da concelleira de Cultura de Carral, María José García Fariña, escolleu a obra de Villar de entre as 46 presentadas destacando «a mestura que presenta do clasicismo, culturalismo e compromiso social, polo acerto co que integra as alusións mitolóxicas no discurso poético, e tamén polo novidoso tratamento que fai da modernidade temática dentro do clasicismo.

O ceense Miro Villar recolle o premio Concello de Carral polo seu novo poemario, «As crebas»

O escritor ceense recolleu o premio, dotado con 2.000 euros, durante un acto ao que tamén asistiu o poeta Eli Ríos, que presentou a súa primeira obra Nós escoitando o badalo en Marienplatz , coa que gañou a pasada edición do certame.

Miro Villar tamén estivo acompañado polo escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello, homenaxeado no certame deste ano.

La Voz de Galicia,

2 de xuño de 2010

Xuñ 2nd, 2010 | Posted in Sen clasificar
Tags:
Comments are closed.