Agradecemento Modesto Rodríguez Figueiredo (2014-01-17,Catoira)

 XL Certame de Narracións Curtas Modesto Rodríguez Figueiredo

Pedínlle prestados dous versos ao escritor Héitor Picallo:

A vida, a Luz, o Traballo pola Terra
o sustento, o aire e a estrela.

Porque todo isto é o que temos que agradecervos Antonio Piñeiro, César Carracedo e máis eu a todas as persoas que facedes posible que o Premio Modesto Figueiredo continúe despois de 40 anos dando a coñecer as novas voces ( como no meu caso) e re-coñecendo as mellores plumas da narrativa actual, como A. Piñeiro e C. Carracedo.

Grazas ao Padroado do Pedrón de Ouro por, como dicía Héitor nos seus versos, polo Traballo pola Terra

Grazas aos concellos que fan posible a continuidade, ano tras ano, deste premio e, en especial, ao de Catoira polo Sustento .

Grazas ás persoas do xurado polo Aire e Estrela que, co seu traballo, nos ofrecen o osíxeno preciso para seguir creando na nosa língua.

Grazas ás persoas que aquí estades pola Luz que nos alumea coas voas lecturas e apoios porque quen escribe non existe sen alguén que le.

 

pataca

E, como leredes en Remexido de patacas, fáltame a 5ª pataca e un elemento dos versos de Héitor: a VIDA. Gustaríame rematar convidándovos, neste ano que estamos estrenando, a xuntar os nosos esforzos para terminar con esta barbarie na que, no 2014, se asasinaron 56 mulleres- seis delas galegas-, 3 menores e 40 nenos e nenas quedaron órfas. Porque cando nos asasinan e nos arrebatan a vida róubanlle a Luz e o Aire aos seis fillos que deixou María Luísa, rouban a Estrela que cada mañá debuxaba Sara nos cafés que servía cun sorriso. Cada vez que nos asasinan róubannos o Sustento e os salarios como os que levaban ás súas casas María Helena, Adela ou Mónica que deixa na maior soidade a aquelas persoas ás que coidaba no seu traballo de axuda a domicilio.

En Remexido de patacas hai unha frase que di ” A transmisión na lingua da terra” e cando o seu home matou á profesora María José asasinou tamén o futuro e o Traballo pola Terra.

E cando nos asasinan o que queda é

NADA

Xuntemos, pois, os nosos esforzos neste novo ano porque todas e todos sumamos na ” a vida, a Luz, o Traballo pola Terra,/ o sustento, o aire e a estrela”.

Moitas grazas.

 

( agradecemento feito na entrega do premio en Catoira en xaneiro de 2015)

Mar 8th, 2015 | Posted in premios
Tags:
Comments are closed.