I Certame de Poesía Rosalía de Castro,Padrón

I Certame Rosalía de Castro ( El Correo Gallego, 10 de maio de 2015)

Nun tempo no que as mulleres continuamos neste espazo invisible cheo de inxustizas, mortes e dereitos que, parece ser, debemos estar agradecidas que nos “agasallen” teño a inmensa sorte de recibir a chamada do xurado do I Certame de Poesía Rosalía de Castro para contarme que o poemario Café intenso resultou gañador neste certame.

Nun certame con nome de muller (e que muller!), a tradición da que fala o artigo é das mulleres contemporáneas ( Lydia Lunch, Christina Georgina Rossetti, Katja Perat,etc). Si, das mesmas que, a día de hoxe, continúan a ser invisibilizadas na súa producción polo feito de ser mulleres e non polos méritos das súas obras.

Pode que só nos interese a catro e que as/os demais sigan bruando contra os premios, festexando datas que nos esconden pero… sinceramente… prefiro agradecer a valentía deste xurado que saca á luz un texto no que unha muller é asasinada pola violencia machista porque no momento que a poesía desconecte da realidade, que papel teremos as persoas que creamos na mudanza deste imaxinario que nos mata?

E non, non busquedes, neste poemario, unha chamada á tristura e á desesperación porque se algo estou aprendendo neste camiño da vida é que é fermosa, moi fermosa. E merece a pena loitala desde a poesía, a arquitectura ou a cociña. Para poder cambiar unha situación é necesario facer algo: e eu agradézolle a este certame esta posibilidade de facer.

E, mentres tanto, tedes un convite para o café de Ivana Kobilca, Kofetarica, que me deu un pseudónimo tan especial, porque desde a pintura as mulleres tamén temos moitos sorrisos dos que sentirnos orgullosas.

-Ivana_Kobilca_-_Kofetarica

Mai 10th, 2015 | Posted in premios
Tags:
Comments are closed.