Doe tanto a túa ausencia no Bar Serramo 7-10-2015

Hai presentacións que che chegan moi dentro. A de hoxe foi unha desas ocasións. Esa na que quen trouxo os petos cheos fun eu. Si. Ía para facer un Umbral e falar do meu libro e a xentiña que alí estaba emocionoume. E moito.1

O feito de estar no Bar Serramo fixo que fose unha presentación moi próxima e sentir as persoas é fundamental nun acto de comunicación como é a poesía. De ti a ti. Sen intermediarios.

Teño a inmensa sorte de que me acompañaran, nesta aventura, Santiago Nieto e Carlos López. Fixeron unha introdución tan agarimosa como só poderían xente que desfruta do que fai. Santiago coida sempre, todos e cada un, dos detalles e o señor alcalde incluso chegou a citar a Bocage para introducir o poemario. Para eles vai o meu sentido agradecemento.

 

3

 

 

 

 

 

 

 

Debullamos versos como quen ara a terra. Sen présa. E agromou a poesía. Arrisquei e pedinlle a Mário J. Herrero a outra voz que me faltaba. Non estaba preparado. Podía resultar un desastre, si, pero hai versos Da vida conclusa que fixen meus e intuía que de aí só podía sair algo incrible. Recitar a dúas voces é complexo e Mário converteuno en natural. Os versos medraron como cae a auga da chuvia. Saravá, meu caro!

 

2

 

E, xa metida na allada, as barreiras parten. Non existiu ese momento de tensión no que todas as persoas miran para o chan esperando que non lles toque. Todo o contrario. Xosé Duncan cambiou de xénero e recitounos con esa forza de quen procede dos mundos máxicos. Higinio Martins puxo o seu acento nos versos. Mercedes a coraxe de non rendirse ante unha palabra que se lle atravesaba e… Ermitas. Ela escolleu un poema especial.

Quizais non vos interese, pero debo retroceder a unha morea de anos atrás para poder chegar ao presente. Noutras circunstancias, noutra vida, coñecín a Ermitas e fascínanme todas as “ideas tolas” que ten. Levar a poesía de bares, desde a Libraria Suévia, é unha delas. Sei que se fai noutros sítios, pero aquí asegúrovos que é especial. Témonos confianza e iso permitiu que puidesemos falar dunha das palabras que leu. Unha das que máis me gusta deste poemario. Estopar. Xusto esa palabra que só lle escoitei, de forma natural, a miña avoa. Tapar con estopa. Na estrofa, tapar o ceo. E adorei sentir as palabras da infancia na voz de Ermitas.

O te4mpo corre e o que sexa que se aliñou esta tarde aínda reserva dous poemas máis na voz de Antom Laia e, no peche do acto, a lectura case nun murmurio do mesmo poema que eu recitaba. Ese roubar os versos para facelos propios.

E regreso á casa cos poemas noutras voces, con Luís, con María, con Manuel, con Tatiana,…, coa sensación de ter vivido un momento moi especial, cos petos cheos de poesía e a certeza de que son moi afortunada. Non todos os días che agasallan lembranzas. Hoxe foi un día especial.

Out 8th, 2015 | Posted in presentacións
Tags:
Comments are closed.