Roteiro literario por Elviña 2016-10-29

Nunca fixera tal cousa. Ir a roteiros si… pero pensar en levalo… nin pola cabeza se me pasara! O caso é que, ás veces, hai alguén que ve en ti unha faísca e non dubida en facela prender de novo. Neste roteiro foi Mercedes Queixas quen ateou o lume. E estoulle inmensamente agradecida a ela, a AELG e a Normalización do Concello da Coruña por darme esta oportunidade incrible. E, ás persoas que viñestes, grazas de corazón por participar, por roubarme os nervios e agochalos na cuneta, por ese poema colectivo tan fermoso que escribistes na Igrexa de Elviña e, sobre todo, por deixarvos levar nesta terra onde a materia da escrita abrolla en cada curruncho.

 

0

Comezamos no Castro de Elviña da man de Leandro Carré, Manuel Lugrís, as Irmandades e o primeiro acto a prol do galego.

1

Despois, encamiñámonos cara o Souto onde a historia contada polos homes reclama as voces de todas as mulleres que a escribiron. Na terra dos ríos e as fontes, mollamos as mans coas lavandeiras, bebemos a auga das augadoras e escoitamos As voces baixas de Manuel Rivas narrarnos como hai algúns días nos que os ríos deteñen o seu correr para sentir o riso das lavandeiras.

 

2 3

 

 

 

 

 

 

Continúan As voces baixas o camiño cara o castiñeiro do Souto neste tempo de defuntos e magostos.

4 5

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E percorremos as hortas de Castro, co resío humidecéndonos os pés, para chegar ao punto no que imaxinamos esa Pena do Cuco da que só queda o nome, mentres agardamos a que pasen os meses e resoe nos montes, outra vez, ciclicamente, o seu cucar.

6

Baixamos a Elviña e detémonos, uns intres, no monolito que conserva as palabras que o mariscal Soult mandou gravar ao coñecer a morte de Sir John Moore. Alí, temos a inmensa sorte de contar coa participación dunha das persoas que construiu o banco que se encontra ao pé do gravado. Grazas, de novo, por facer deste roteiro unha experiencia viva na que todas as voces nos aportaron unha lembranza compartida!

809

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Sen alguén que custodie os libros que escribimos é moi probable que se perdan. Aquí, neste punto, recollemos as palabras da bibliotecaria Xoana Capdevielle nos versos de Carmen Blanco.

 

10

 

 

Antes de remartar este percorrido, atravesamos as hortas de Elviña e chegamos á Igrexa de San Vicenzo. Ao seu carón, no cemiterio, visitamos a Antonio Mallo, e o seu acordeón, entre as palabras da literatura coruñesa.

 

11 13

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Nos chanzos da Igrexa aproveitamos para descansar e/ou beber na fonte, antes de mergullar na historia das revoltas anarcosindicalistas de 1933 que deixaron as súas cicatrices nesta construcción. Uns pasos máis abaixo, espera por nós Rosalía de Castro para contarlle a Sir John Moore que non hai terra máis bonita que esta para custodiar os seus ósos porque, aquí, sempre haberá un océano , unha árbore ou unha pantasma que lle impedirá sentirse só.

 

1216

 

 

 

 

 

 

 

 

E, cos versos de Follas Novas, deixamos, xa, as sombras descansar…

17

 

[ nota: as fotografías encóntranse aquí, na páxina das actividades da AELG]

Nov 1st, 2016 | Posted in obradoiro, Tal como cho conto...
Tags:
Comments are closed.