Culturgal 2016

O Culturgal é un maremagnum de emocións e é imposible pechalas todas nunha diminuta publicación.

Desta volta, tocaba acompañar o nacemento da colección Mulleres Bravas da Nosa Historia. Alí, entre as páxinas, reencontrámonos con María Victoria Moreno e a súa cadeliña Alma.

Traballar coa xente de Urco Editora é unha auténtica xincana sensitiva. Foi a primeira vez que tiven a sorte de compartir espazos con David Cortizo, Tomás González, Fernando M. Cimadevila e Andrea Jamardo. A primeira e non será a última porque non me quedan vidas suficientes para agradecerlles todo o que alí sentín.

Cando saín da casa o plano era sinxelísimo: un café no stand de Urco e unha breve presentación da colección ás 13.15h

A miña surpresa comeza antes do café cando Andrea me comenta, así como quen oe chover, que nos entrevistan no Zig-Zag (por certo, sae o luns na TVG ás 21h) e aquí estaba Helena da Libraría Paz para inmortalizar o momento:

 

fb_img_1480866084143

Ese sorriso mañanceiro xa non se me despegaría da cara en tooooodddoooo o día.

Nunca tiña feito iso de sentarme a tomar un café con lectoras (desculpade a miña novatada- segundo a RAG: Contrariedade ou erro que provén da inexperiencia nunha materia ou oficio) e os nervios escapaban por todos os poros. Agora ben, foi sentarme coas mulleres bravas da seguinte foto e nin imaxinades o que desfrutei! Antía é unha cómplice poética coa que comparto a paixón polos versos de Chus Pato e… que dicir de Patri? Ela toda é maxia pura. Sempre cunha palabra que o cambia todo. Para quen non a coñezades, recoméndovos pasar pola Libraría Lila de Lilith de Santiago. Ídesmo agradecer!

15338827_1683285935317109_2046371983680497448_n

On time, encamiñámonos para a presentación. Alí, abrigadas por tanto cariño de mecenas, das librarías, de Urco editora, amigas, a familia de María Victoria Moreno,…, esta enorme equipa que fixo posible esta colección ( Raquel, Eva, María, Mariam, Patri, Mitas,…) presenta a colección Mulleres Bravas da Nosa Historia porque como di María Victoria Moreno, na súa obra Anagnórise: ” As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos”

15350477_1683500265295676_3398209960384339785_n( fotaza de José María Picón)

No mesmo Espazo Libro, asinamos algúns dos exemplares. Incluso para unha persoa super-especial: a neta de María Victoria Moreno (non poño fotos porque é menor)! Como neta dela acompañábaa un cadeliño de peluxe co que mantivemos unha moi interesante conversa.

fb_img_1480808836449

Esta foto, que non sei quen a fixo, recolle un momento máxico no que o libro sobre María Victoria Moreno vai para unha das súas alumnas.

A seguir, Urco Editora tennos preparado un convívio para comer que comeza coa aventura de xuntar todas as persoas. É certo que nos custou encontrar a David Cortizo, pero, superado este momento, todo foi risas sobre risas. A comida supermegaecolóxica adobada cun fume que se impregnou até na roupa interior foi un auténtico descubrimento e de análise sociolóxica: quen máis quen menos ten unha actuación no Luar! E unha certeza: os garfos para remexer o café no stand de Urco Editora son mellores que os de madeira para reciclar!

Despois do café, fomos enganchando en todas as silveiras, como afirmou a experta maior autora do Seique, Susana Arins, e xa non fun quen de marchar até a hora do peche. Aproveitei para ver a intervención dos dous Carlos- Quiroga e Pazos- aos que lles quero ben desde hai unha morea de anos (non vou dicir cantos):

 

20161203_170525

E, despois, no stand de Urco Editora compartín conversas con Mar, Bea, Pablo Fernández, Xosé Duncan ( con este pouco que andaba bastante liado facendo de controlador) Antonio M. Fraga e… cunha incontable cantidade de xente que veu falar un anaquiño e dedicarnos un minuto do seu tempo. Fostes moitas moitas moitas persoas ás que me gustaría agradecervos o voso cariño. Sempre o digo: non existe unha escritora sen unha persoa que lea os libros. Pero permitídeme falarvos de dous encontros emocionantes: as bibliotecarias e @s profes.

Fostes varias as bibliotecarias que nos viñestes comentar o que burbulla nos vosos clubes de lectura, nas vosas salas,…, e non imaxinades o felices que nos fixo saber que aí chegarán Rosalía de Castro e María Victoria Moreno. Non imaxinades canto nos prestaron os vosos comentarios sobre Alaia e a deusa, Marta e a píntega,…

Profes… si, esas persoas que viven tan ben con tantos meses de vacacións… si, esas mesmas que poñen deberes para casa porque non fan o seu traballo nas aulas, si, esas mesmas, que teñen un horario laboral de funcionariado e que ás dúas da tarde marchan para a casa,… Si, esas mesmas persoas que onte, sábado, fóra do seu horario laboral, botaban un ollo á Colección das Mulleres Bravas e se lles alumeaba a mirada cando nos contaban cómo o ían levar á escola o luns ” para os meus rapaces”, ” para as miñas rapazas”, ” para @s voluntari@s da biblio”. E, si, falaban das vosas fillas, dos vosos fillos. Esas fillas e fillos non de seu que acompañan @s profes incluso na fin de semana. Profes que, en palabras de Rafael Lapesa que citaba María Victoria Moreno, “poden facer calquera cousa polo seu alumnado, menos enfadarse”. E, para mostra un botón: un profe dunha unitaria que vos xuro que me chegou á alma coas palabras que nos agasallamos.

15368752_1373361279382264_1568744442_o

Grazas de corazón. Vémonos nas biblios, nas librarías, nos coles ou nas vosas casas coas Mulleres Bravas da Nosa Historia!

 

img_20161204_010331mvm

 

 

 

 

 

(María Victoria Moreno paseando a través do

obxectivo de Jose María Picón)

Dec 4th, 2016 | Posted in crítica, Entrevistas, libros, presentacións
Tags:
Comments are closed.