María Victoria Moreno no CPI Santa Lucía de Moraña

Tal e como recolle La Voz de Galicia, do 31 de xaneiro, o CPI Santa Lucía de Moraña celebra a Semana da Paz cunha serie de actividades dedicadas á Igualdade de Xénero. María Victoria Moreno máis eu imos estar con dous grupos de 3º de Educación Primaria.

Sorpréndenme, xa antes de entrar, a cantidade-calidade das actividades propostas e o abano tan amplo de cursos que participan nelas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E… sabedes desas veces que vas para corenta minutos e acabas pasando hora e cuarto? Pois hoxe foi un deses días. Fascinoume a imaxinación da rapazada (inventaron personaxes como Xamona), contáronme historias sobre Filomena Dato ou sobre costureiras de Moraña, como Carolina Castro, viaxamos con Mariquiña mar adiante e tivemos a inmensa sorte de que as antigas alumnas de María Victoria Moreno nos contasen cómo era unha aula con ela ( mil grazas por compartir con nós esas lembranzas).

 

 

Traio comigo unha boa morea de abrazos que me chegaron ao fondo da alma e unha resposta que me emocionou. Na entrevista, para a radio do centro, unha rapaza preguntoume se eu era unha muller brava. Á galega respostei: e ti? E ela, mirándome fixamente, e cunha seguridade, que me devolveu a confianza na humanidade e nas xeracións futuras, díxome sen dubidar: ” Eu son unha muller brava” Atentas porque as rapazas de nove anos pisan firme, moi firme!

Antes de regresar, aínda tiña outra sorpresa:

Viñeron comigo a revista A Taboada, o libro de Héitor Picallo, Cuntis na época romana, e máis o CD de Linho do Cuco, Viva Viva! Desfrutarei lendo, escoitando música e coas lembranzas dun día no que ía para falar dunha gran muller como María Victoria Moreno e volvín cunha bagaxe emotiva e cultural incrible. Grazas ao profesorado e á rapazada por todo o traballo incrible que facedes e por deixarme formar parte del!

Xan 31st, 2017 | Posted in libros, obradoiro
Tags:
Comments are closed.