As palabras abrollan catro meses despois.

Hai cousas das que é moi complicado falar no momento. O Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña é unha delas. Catro meses despois abrollan as palabras.

As primeiras, como non podía ser doutra forma, son de agradecemento para a Deputación da Coruña por darlle a volta a unha situación tan complicada como é a creación. Dignificar un traballo no que aínda escoitamos, día a día, que caros son os libros ou que o que facemos non está á altura doutras literaturas ou… É moito diñeiro (do que unha boa parte vai para Facenda), pero gustaríame pedirvos que dividades esa cantidade entre os meses que leva escribir unha obra. Pois iso: dignificar a creación e non agasallar o noso esforzo ” polo bocata“. E non só na narrativa. “Queremos proclamar que a creación cultural, para alén de nos facermos máis felices, que non é pouco, é tamén unha poderosa ferramenta de vertebración social e de transformación social”, dixo Goretti Sanmartín na entrega de premios dos diferentes sectores. E engado unha frase de Mercedes Queixas coa que concordo plenamente: ” Un pobo que acredita na súa cultura propria é un pobo con futuro de seu”. Transformar/acreditar/ vertebrar/dignificar e visibilizar porque non imaxinades a ledicia enorme que foi estar nunha entrega na que as creacións feitas por mulleres tiveron o seu espazo propio.

 

As segundas palabras son de gratitude para o comité de persoas lectoras e do xurado. As primeiras descoñezo quen son, pero non quero deixar pasar esta oportunidade porque sen elas este premio, ao que se presentaron 101 obras, sería imposible. A Mercedes Queixas, Ramón Nicolás, Eva Moreda, Mario Regueira, Ledicia Costas, Mercedes Fernández-Albalat e Goretti Sanmartín quero agradecerlles non só que se mergullasen nas páxinas de Luns e a escollesen senón tamén a paciencia que me tiveron. Asegúrovos que a esceniña que lles montei cando me chamaron é digna de soterrar a cabeza baixo terra un par de décadas e non volver sair. Si, porque unha non está preparada para recibir este tipo de novas un martes trece no que te encontras tranquilamente na túa casa preparando un clube de lectura sobre A dúbida de María Reimóndez e escoitando o último disco de Sés a todo volume.

 

 

A partir deste momento, as lembranzas enguedéllanse porque é unha auténtica voráxine emocional un martes calquera de decembro para a que non estaba preparada. Lembro unha morea de entrevistas, parabéns (inmensas grazas a todas as persoas que compartistes este momento), radio, tele,…, e, entre todas as voces, Ledicia Costas (para a que non teño suficientes agradecementos), María Reimóndez, Dores Sánchez Alegre, Mercedes Queixas, Dores Tembrás, Susana Sánchez Aríns, Marga Romero, Lorena Conde e Carme Vidal que foron a miña toma de terra e non me permitiron sair voando e perderme no rebumbio. Son tan necesarias as tomas de terra! Para elas as miñas terceiras palabras, catro meses despois.

Palabras todas necesarias e fundamentais porque unha novela non é só un exercício de escrita. Sen todas as persoas que participan no proceso, non teriamos unha literatura galega tan rica en letras e, o que é fundamental, con tremenda riqueza humana e afectiva!

E, mentres Luns termina de poñerse ghuapo , déixovos unha dedicatoria que lembrei ao pensar neste premio. Está escrita na obra El señor llega. Quen mo ía dicir daquela…

 

 

 

Abr 11th, 2017 | Posted in premios
Tags:
Comments are closed.