As Letras no I.E.S. Otero Pedrayo de Ourense

Viaxar a Ourense é sempre unha aventura para unha persoa da beira do océano. Cada vez que regreso á casa traio unha boa morea de aprendizaxes. Esta vez non ía ser diferente: descubrín que a 30º de calor hai quen utiliza cazadoras (e non falo de exemplos illados) e biciclistas que, ás dúas da tarde, collen a estrada como se fosen inmunes ao piche fervendo. E si… o que estades imaxinando… eu suando como unha animaliña e pegada á botella de auga!

 

E, se o clima aínda consegue sorprenderme, coa xente de Ourense pásame o mesmo. Nesta viaxe malcriáronme @s compañeir@s de aventuras. Un millón de grazas a Conchita por facerme rir ata chorar coas súas filosofías tan divertidas, a Pilar pola súa exquisita discreción e integrarme no grupo como unha máis, a Fernando polas súas palabras tan agarimosas, a Neira por traerme o recendo do Atlántico no medio da calor ourensá e, especialmente, á miña compañeira (desde hai máis de vinte anos! como pasa o tempo!) Olga á que non podo evitar admirar, máis e máis, polo incrible traballo que fai aló onde vai. E, neste centro, no I.E.S. Otero Pedrayo non é diferente. Emocióname camiñar con ela polos corredores e observar que a primeira reacción do seu alumnado, cando se cruza con ela, é un sorriso enorme ao que, logo, axuntan un ” Ola, profe!”. Dela partiu levar Marta e a píntega a un grupo de 1º da E.S.O. E, nesta viaxe, fixo o imposible para que puidesemos roubar un anaquiño de tempo ás outras materias para mergullarnos neste libro. A emoción que este grupo mostrou pola literatura chegoume ben fondo. Non só debatemos sobre Marta e a píntega Oli, María Victoria Moreno,…, senón, tamén, sobre a profesión de escritora, o que anda na volta da “fama”, das inspiracións, etc

 

E do traballo doutra profe excepcional, María Victoria Moreno, foi do que falamos nos cursos de 1º da E.S.O. É fascinante observar o interese que provocan as obras de María Victoria Moreno e encheume de orgullo escoitar como lle preguntaban a Olga: ” Profe, ese libro- por Mar Adiante– témolo na biblioteca?”

Pero, se a actividade de aprender a escribir biografías que hai no final do conto aínda me fai rir a cachón coa imaxinación da rapazada ( que canteira de escritor@s temos!), houbo, no curso de 1º C, un detalle que me emocionou até a médula. Falamos de Mulleres Bravas, de María Victoria Moreno, das herdeiras das mulleres bravas invisibilizadas,… Contamos como os esforzos que pasaran as mulleres, antes do día de hoxe, nos permite facer cousas que consideramos normais ( falar galego, ter unha educación inclusiva,…). Rematamos a actividade ( grazas Pilar por cedernos o teu tempo) e achéganse un par de rapaces para pedirme unha sinatura no seu caderno. E… zas! De verdade que non fun consciente ata ese momento de que un dos rapaces non só escoitara con atención o que alí se contaba… senón que o fixo propio! Non quería que lle asinase como lembranza, pediume que lle dedicase esa mensaxe para súa nai que era unha muller brava! A muller brava da súa familia! E naquel caderno cuadriculado dun neno de doce anos metín unhas liñas, como quen mete unha botella no mar, a unha muller brava que non coñezo pero á que me uniron as profes do I.E.S Otero Pedrayo, María Victoria Moreno e todas as persoas que facedes posible este tipo de actividades nos centros.

Regresei aos ventos atlánticos con D. Ramón Otero Pedrayo ( o de Sargadelos, non o outro) no asento do copiloto e imaxinando o camiño desa sinatura. A libreta cuadriculada na mochila. O rapaz mostrándolla á súa nai. E, un día calquera de maio, en Ourense, un fillo dille a unha nai que lle pediu a unha escritora unha dedicatoria para ela, para a Muller Brava da súa familia.

Mai 17th, 2017 | Posted in libros, obradoiro
Tags:
Comments are closed.