As Mulleres Bravas na escola Rosalía de Castro de Vigo

Hai actividades que comezan xa moito antes do día sinalado.

Grazas ao traballo da mestra Helena puidemos desenvolver unha iniciativa que nos emocionou: as Mulleres Bravas en braille.

Ademais, tíñamos bastante curiosidade polo feito das denominacións. Sorprendeunos, e aledounos, ir á escola Rosalía de Castro e facer un obradoiro nas aulas Alexandre Bóveda e Bertrand Russell.

 

 

Falamos das Mulleres Bravas, lemos contos e, como tiñan un traballo previo na aula impresionante, tamén, resolvemos dúbidas e debates moi interesantes.

 

 

Desfrutamos coas historias que construiron, cheas de imaxinación, abraiámonos coas novas promesas da literatura (un rapaz escribiu unha novela de trescentas páxinas! con dez anos!) e, sobre todo, sorprendémonos coa ilusión e a maxia que lle doan aos contos.

O bo facer de Helena aínda nos tiña reservada unha sorpresa: a intervención de Andrea Jamardo como editora de Urco. En canto llo comentou á rapazada, aquilo foi fascinante. Chovéronlle preguntas como pingas no inverno! Nunca tiña visto ninguén respostar, tan rápido, tal arroiada de interrogantes!

Andrea Jamardo contounos unha morea de curiosidades sobre o mundo da edición, de cales son os procesos desde que lles chega un orixinal ata que sae coa forma do libro, como consegue poñernos a traballar xuntas ás persoas da escrita e da ilustración,…

 

 

 

 

 

 

E, antes de marchar, aínda tivemos oportunidade de aproveitar un almanaque e conxugamos todo o aprendido sobre escrita e ilustración: Aplicámolo, tamén, á fotografía das ilustracións que fixo Victor Rivas, para o libro de Ledicia Costas, Escarlatina, a cociñeira defunta.

 

Foi unha mañá chea de emocións e momentos moi divertidos nos que Leonardo e os fontaneiros, Mar adiante ou Eu conto, ti cantas regresaron ás aulas de primaria.

Mai 23rd, 2017 | Posted in Sen clasificar
Tags:
Comments are closed.