Sorpresa no I.E.S. Aquis Celenis de Caldas de Reis

A complicidade entre as persoas docentes e as da escrita xera experiencias enriquecedoras e, sobre todo, fascinantes. Desta volta, tiven a inmensa sorte de poder participar nun proxecto no que recibín moreas e moreas de cariño e desfrutei como nunca comprobando, de primeira man, a vizosidade dos clubes de lectura nos institutos.

Hai un tempo, a profesora Lidia Fernández, preguntoume se unha alumna súa me podía facer unha entrevista porque ía facer un traballo sobre unha escritora (viva) que lle parecía importante para as letras galegas. Superado o momento inicial de sorpresa, aló nos botamos. Mantivemos un par de conversas por correo electrónico e cando vin o traballiño que pasou C., a alumna de Lidia, quedei máis que impresionada. Presentouno na semana das Letras Galegas e puiden ir seguindo a súa evolución grazas a que, tanto ela como a súa profesora, o foron compartindo comigo. Foi superespecial formar parte deste estupendo equipo e proxecto! E, aínda máis, sentir o aprezo. Saber que hai unha comunidade de lectoras e lectores que continúan apostando pola lectura e por compartir espazos dentro da literatura non é cousa miúda!

 

 

 

 

(imaxe tomada do traballo de C., de 1º E.S.O.,  do I.E.S. Aquis Celenis)

” Reflexionar sobre a importancia que ten a literatura nesta sociedade”. Fascinoume que a conclusión das nosas conversas fose esta frase. Así que, era inevitable, entre a profesora Lidia Fernández máis eu, argallamos unha visita sorpresa ao centro.

 

C. non podía estar máis impresionada e, aínda así, animouse a facer unha presentación “en vivo e en directo” ante as súas compañeiras e compañeiros.

Falamos de María Victoria Moreno e das mulleres invisibilizadas na historia (grazas aos seus esforzos hoxe somos herdeiras, por exemplo, na literatura e na lingua), dos estereotipos e de facer unha lectura crítica con Marta e a píntega, achegámonos á poesía con Anamnese, descubrimos todas as Marías ( Jane Doe) que se axuntan en Maria,…

Como C. me preguntara polos premios, onte, aproveitei para sacar a pasear a escultura de Carmen Isabel, alfareira de Buño, que agasalla a Deputación da Coruña nos seus premios.

 

Pregunteilles para que pensaban que me servía ese premio. Sairon mil e unha propostas ata que unha rapazada das primeiras filas asegurou, toda chea de razón: ” Para acumular pó” Nese momento, fíxose un silencio profundo e resposteille: ” Exactamente!” Porque os premios se non se usan só se enchen de poeira nun estante. A conversa colleu entón o carreiro de fascinante. De verdade que me encantaría que estiverades alí e puiderades compartir ese momento no que vos aseguro que non parecía estar con alumnado de primeiro da E.S.O. (cantas veces me gustaría ter este nivel de raciocinio con persoas adultas). Conteilles que a Deputación da Coruña puxo en valor o traballo dunha muller alfareira e debullamos por que o prestixio nas profesións é para os homes. Debagaron as diferencias entre costureiras/deseñadores ou cociñeiras/chefs, entre outros moitos exemplos, e debatemos sobre a visibilidade.

Antes de marchar aínda me agardaban dúas sopresas: unha, a deliciosa empanada de mazá da cafetaría (que manxar de deusas!) e, a segunda, unha conversa coas rapazas do clube de lectura que me deixou impresionada pola cantidade de libros que devoran e polo nivelazo!

Regresei ao coche, atravesando a carballeira de Caldas de Reis, feliz e sentíndome moi afortunada de que me permitisen compartir esta fantástica experiencia. Grazas Lidia e grazas, de corazón, C.!

 

 

Xuñ 1st, 2017 | Posted in Sen clasificar
Tags:
Comments are closed.