Ata cando imos calar…?

Cando Ses actuou na Praza de María Pita da Coruña falou da súa convicción plena no traballo colectivo, no que nos une para conseguir un obxetivo. Dese esforzo de moita xente é do que quero falarvos nestas liñas. E escribo non só por min (como algunha libreira coruñesa suxestionou nas redes sociais) senón tamén para sacar do silencio a situación de moitas persoas que na Feira do Libro da Coruña de 2017 fomos menosprezadas.

As feiras do libro son lugares fantásticos onde se producen encontros máxicos entre quen escribe e quen le. Se fostes a algunha comprobariades que non importa que chova ou faga sol. Alí estamos. O problema deste ano é como estamos.

A Feira do Libro da Coruña, deste ano, incorporou dúas novidades no programa da feira: a Carpa dos Libros e o Xardín dos Libros, é dicir, no mesmo espazo doutros anos hai tres progamacións diferentes. O Xardín dos Libros consiste en actividades musicais, contacontos, etc, e son todas en galego. Quen defende este programa, evidentemente, afirma que, con isto, debería chegarnos. Non libros, que iso xa é demasiado pedir. Por outra banda, a programación da Feira do Libro, a Federación de Libreiros de GALICIA (nótese a retranca) e a Carpa dos Libros ofrecen 52 eventos relacionados co libro en galego e 70 en español. Deses 52 a maioría están colocados fóra da fin de semana ( só catro en galego nesta franxa). Deses 70 en español hai unha grande cantidade que están presentados por escritor@s galeg@s que, na programación oficial e difundida desde o mesmo Concello da Coruña, colocan os seus respectivos nomes en minúsculas mentres que os d@s escritor@s en lingua española están en maiúsculas. Desculpade se houbo un intre no que me pasou pola cabeza a palabra vasalaxe. Foi un pequeno lapsus mentis que tentei corrixir pasando polas páxinas de difusión das librarías coruñesas, da Federación de Libreiros de GALICIA e do Concello da Coruña. Ui! Cal non sería a miña sorpresa que se se anuncia un acto en galego é coa programación oficial, mentres que nos de español é presentando capas de libros (convídovos a que o comprobedes antes de que as borren). Libros, si, libros, porque estamos nunha Feira do Libro que poderiamos ubicar en calquera lugar lonxe do sistema literario galego. Ese sistema literario que, ao longo de todo o ano, traballa nas escolas ofrecendo lecturas @s vos@s fill@s, ese mesmo que merca nas vosas librarías, aboa as cotas da Federación ou paga impostos nas nosas cidades. Esas mesmas persoas que durante os meses que non hai Feira organiza presentacións de balde no voso comercio para que as grandes plataformas de venda non vos obriguen a baixar a reixa. E de balde imos ás Feiras. Si, é certo, as persoas que escribimos pagamos a nosa gasolina, as peaxes, dedicamos horas ás viaxes, etc, e iso sae dos nosos petos. E nunca nos queixamos. Ata agora. Ata o momento no que o Concello da Coruña (puxo os cartos) e as Librarías da Coruña(decidiron como usalos) investiron unha cantidade enorme na Feira do Libro para traer escritor@s que nunca mercaron un libro nas vosas librarías e que nunca pagaron impostos no Concello da Coruña. E xa que falamos de escritor@s… e esta pregunta vai con todo o meu cariño para a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña: realmente é este o sistema literario que queredes defender? Un sistema literario que obvia a literatura para vender productos televisivos? Non vou dicir que teñamos que excluír o español porque non son unha talibán. De feito merco e leo noutras linguas entre as que se inclúe a española, pero, de verdade, era necesario encher unha Feira do Libro con presentadoras de televisión ou bestsellers? Acaso non teñen outros espazos de visibilidade? Era necesario ocultarnos? Menosprezarnos?

E digo todo isto porque, o venres, estiven nunha mesa debatendo sobre literatura infantil e xuvenil con Ledicia Costas (recordo que é Premio Nacional de Literatura), Antonio Manuel Fraga (Premio Merlín), Andrea Maceiras ( Premio Jules Verne), Xosé Manuel Perozo ( Premio Blanco Amor e con máis de 80 obras publicadas) e Eli Ríos ( Premio Torrente Ballester). Menciono o dos premios, e parte das traxectorias, porque é o argumento que utilizan as Librarías da Coruña. Xa sabedes que en español se vende más ( se hai alguén da SELIC na sala que aporte datos, por favor). Pero… aínda que a organización se empeñe en invisibilizarnos na nosa casa, aínda que nos poñan en minúsculas, aínda que tivésemos que pagar dos nosos petos os gastos, aínda que pretendan facernos crer que somos escritor@s de terceira división, aínda que o noso acto tivese un son terrible porque as actividades simultáneas da Carpa dos Libros e do Xardín dos Libros dificultaban a conversa, aínda que a organización nos botase por pasarnos dous minutos no noso tempo, aínda que as compañeiras e compañeiros da escrita vexan como as súas presentacións se colocan fóra da fin de semana, aínda que o orzamento se invista en publicitar e pagar viaxes de escritor@s de profesións mediáticas e en español, aínda que todo isto pase, como dixo Ses en María Pita, deixamos semente de vencer. E si traballamos a escrita, e si había nesa mesa xente que ten os libros traducidos a outras linguas, e si había nesa mesa persoas que temos certa proxección pública pese a quen lle pese. Alguén lembra as filas de máis de dúas horas na Feira do Libro de Vigo para que Ledicia Costas asinase as súas obras? Eu si. A semente xa está na terra. E, con ela, as librarías e editoras coruñesas que se botaron fóra deste esperpento e supoñen o acubillo das persoas que escribimos en galego. E, con ela, as librarías que, vindo doutras provincias, nos acollen nas súas casetas.

Remato cunha petición expresa ao Concello da Coruña: coa transparencia que o caracteriza gustaríanos que se fixesen públicos os datos sobre o que se investiu na Feira do Libro da Coruña tal e como se fixo coas contratacións dos grupos musicais (nótese que estou apostando pola transparencia e non polo que di a prensa de que se van depurar responsbilidades por filtrar os gastos dos concertos) porque se non foi suficiente o menosprezo, nesta feira, aínda temos que aguantar os ataques dalgunha libraría que nos acusan de esaxerar a situación. Ya se sabe que las galleguistas da Coru…

Ago 6th, 2017 | Posted in Sen clasificar
Tags:
Comments are closed.