As palabras abrollan catro meses despois.

Hai cousas das que é moi complicado falar no momento. O Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña é unha delas. Catro meses despois abrollan as palabras.

As primeiras, como non podía ser doutra forma, son de agradecemento para a Deputación da Coruña por darlle a volta a unha situación tan complicada como é a creación. Dignificar un traballo no que aínda escoitamos, día a día, que caros son os libros ou que o que facemos non está á altura doutras literaturas ou… É moito diñeiro (do que unha boa parte vai para Facenda), pero gustaríame pedirvos que dividades esa cantidade entre os meses que leva escribir unha obra. Pois iso: dignificar a creación e non agasallar o noso esforzo ” polo bocata“. E non só na narrativa. “Queremos proclamar que a creación cultural, para alén de nos facermos máis felices, que non é pouco, é tamén unha poderosa ferramenta de vertebración social e de transformación social”, dixo Goretti Sanmartín na entrega de premios dos diferentes sectores. E engado unha frase de Mercedes Queixas coa que concordo plenamente: ” Un pobo que acredita na súa cultura propria é un pobo con futuro de seu”. Transformar/acreditar/ vertebrar/dignificar e visibilizar porque non imaxinades a ledicia enorme que foi estar nunha entrega na que as creacións feitas por mulleres tiveron o seu espazo propio.

 

As segundas palabras son de gratitude para o comité de persoas lectoras e do xurado. As primeiras descoñezo quen son, pero non quero deixar pasar esta oportunidade porque sen elas este premio, ao que se presentaron 101 obras, sería imposible. A Mercedes Queixas, Ramón Nicolás, Eva Moreda, Mario Regueira, Ledicia Costas, Mercedes Fernández-Albalat e Goretti Sanmartín quero agradecerlles non só que se mergullasen nas páxinas de Luns e a escollesen senón tamén a paciencia que me tiveron. Asegúrovos que a esceniña que lles montei cando me chamaron é digna de soterrar a cabeza baixo terra un par de décadas e non volver sair. Si, porque unha non está preparada para recibir este tipo de novas un martes trece no que te encontras tranquilamente na túa casa preparando un clube de lectura sobre A dúbida de María Reimóndez e escoitando o último disco de Sés a todo volume.

 

 

A partir deste momento, as lembranzas enguedéllanse porque é unha auténtica voráxine emocional un martes calquera de decembro para a que non estaba preparada. Lembro unha morea de entrevistas, parabéns (inmensas grazas a todas as persoas que compartistes este momento), radio, tele,…, e, entre todas as voces, Ledicia Costas (para a que non teño suficientes agradecementos), María Reimóndez, Dores Sánchez Alegre, Mercedes Queixas, Dores Tembrás, Susana Sánchez Aríns, Marga Romero, Lorena Conde e Carme Vidal que foron a miña toma de terra e non me permitiron sair voando e perderme no rebumbio. Son tan necesarias as tomas de terra! Para elas as miñas terceiras palabras, catro meses despois.

Palabras todas necesarias e fundamentais porque unha novela non é só un exercício de escrita. Sen todas as persoas que participan no proceso, non teriamos unha literatura galega tan rica en letras e, o que é fundamental, con tremenda riqueza humana e afectiva!

E, mentres Luns termina de poñerse ghuapo , déixovos unha dedicatoria que lembrei ao pensar neste premio. Está escrita na obra El señor llega. Quen mo ía dicir daquela…

 

 

 

Comentarios desactivados en As palabras abrollan catro meses despois.
Abr 11th, 2017 | Filed under premios
Tags:

Marta e a píntega Oli finalistas da Gala do Libro Galego 2017!

 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia deron a coñecer as obras finalistas da Gala do Libro Galego 2017 e alí  están, entre grandes compañeiras e compañeiros, Marta e a píntega Oli!

 

Ademais acompañan ás segadoras do noso corazón como finalistas no Proxecto literario na rede con A Sega. Plataforma de crítica literaria. Todo un orgullo e un agradecemento enorme porque chegar ata aquí xa supón un premio que nos emociona.

Grazas por confiar en Marta, na píntega Oli e facer que o conto sexa posible!

Comentarios desactivados en Marta e a píntega Oli finalistas da Gala do Libro Galego 2017!
Abr 11th, 2017 | Filed under premios
Tags:

María Victoria Moreno na Biblioteca Municipal de Fene

Hai días complicados para os contacontos… e este era un deles! Veredes… cando pasamos moito tempo con mal tempo e, de repente, vén un día de calor incrible, destes que apetece tanto ir á praia ou ao parque, as grandes esquecidas son as bibliotecas. Pero, para a miña sorpresa, en Fene demostráronme que os libros seguen estando no centro. Foi incrible ver entrar tantas e tantas familias! De verdade, que foi unha alegría inmensa.

E se o traballo das bibliotecarias, de Silvia M. no fomento da lectura me pareceu admirable… non imaxinades a delicia que foi poñer na voz da rapazada os contos de María Victoria Moreno! Poucas veces me teñen pedido un bis nisto dos contacontos e, aquí, dúas veces! Non podo máis que estar agradecida a todas as persoas que vos achegastes por compartir este momento tan especial!

 

Comentarios desactivados en María Victoria Moreno na Biblioteca Municipal de Fene
Abr 8th, 2017 | Filed under libros, obradoiro
Tags:

Mulleres Bravas da Nosa Historia no Forum da Coruña(2017-02-01)

Foi unha marabilla encontrarnos con tantas amigas e amigos entre o público desta presentación. A caloriña que achegades é tanto de agradecer!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Despois de presentar a colección Mulleres Bravas da Nosa Historia, houbo un debate superinteresante no que falamos sobre mulleres bravas coruñesas como María Wonenburger ou da importancia de crear e fixar novos referentes que ata agora permanecían ocultos.

A editora, Andrea Jamardo, anunciou os novos volumes nos que xa se está traballando e que, seguro, vos van resultar do máis interesante!

Grazas por acompañarnos, unha vez máis, na Biblioteca do Forum Metropolitano da Coruña.

( Se queredes ler un chisquiño máis sobre Mulleres Bravas da Nosa Historia podedes facelo neste artigo de El Ideal Gallego.)

Comentarios desactivados en Mulleres Bravas da Nosa Historia no Forum da Coruña(2017-02-01)
Feb 1st, 2017 | Filed under libros, presentacións
Tags:

María Victoria Moreno no CPI Santa Lucía de Moraña

Tal e como recolle La Voz de Galicia, do 31 de xaneiro, o CPI Santa Lucía de Moraña celebra a Semana da Paz cunha serie de actividades dedicadas á Igualdade de Xénero. María Victoria Moreno máis eu imos estar con dous grupos de 3º de Educación Primaria.

Sorpréndenme, xa antes de entrar, a cantidade-calidade das actividades propostas e o abano tan amplo de cursos que participan nelas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

E… sabedes desas veces que vas para corenta minutos e acabas pasando hora e cuarto? Pois hoxe foi un deses días. Fascinoume a imaxinación da rapazada (inventaron personaxes como Xamona), contáronme historias sobre Filomena Dato ou sobre costureiras de Moraña, como Carolina Castro, viaxamos con Mariquiña mar adiante e tivemos a inmensa sorte de que as antigas alumnas de María Victoria Moreno nos contasen cómo era unha aula con ela ( mil grazas por compartir con nós esas lembranzas).

 

 

Traio comigo unha boa morea de abrazos que me chegaron ao fondo da alma e unha resposta que me emocionou. Na entrevista, para a radio do centro, unha rapaza preguntoume se eu era unha muller brava. Á galega respostei: e ti? E ela, mirándome fixamente, e cunha seguridade, que me devolveu a confianza na humanidade e nas xeracións futuras, díxome sen dubidar: ” Eu son unha muller brava” Atentas porque as rapazas de nove anos pisan firme, moi firme!

Antes de regresar, aínda tiña outra sorpresa:

Viñeron comigo a revista A Taboada, o libro de Héitor Picallo, Cuntis na época romana, e máis o CD de Linho do Cuco, Viva Viva! Desfrutarei lendo, escoitando música e coas lembranzas dun día no que ía para falar dunha gran muller como María Victoria Moreno e volvín cunha bagaxe emotiva e cultural incrible. Grazas ao profesorado e á rapazada por todo o traballo incrible que facedes e por deixarme formar parte del!

Comentarios desactivados en María Victoria Moreno no CPI Santa Lucía de Moraña
Xan 31st, 2017 | Filed under libros, obradoiro
Tags:

María Victoria Moreno. Feminino singular.

E, hoxe, andaremos por Moraña, no CPI Santa Lucia para participar nas actividades Feminino Singular. Unha inciativa espectacular, desenvolvida polo profesorado do centro, na que a rapazada coñece unha parte da historia que non sempre é accesible, a das mulleres. Neste caso, o alumnado de terceiro de primaria achegaráse a María Victoria Moreno e ás mulleres bravas da nosa historia. Xa vos contarei como foi!

 

Comentarios desactivados en María Victoria Moreno. Feminino singular.
Xan 31st, 2017 | Filed under libros, obradoiro
Tags:

O acubillo de Marta e a píntega Oli na aula de 1º da ESO do IES Otero Pedrayo

Poder traballar, man a man, co profesorado para que as lecturas acheguen aventuras e ese espazo de imaxinación, que nace da intimidade da escrita, é un luxazo. Recibir esta fotografía do grupo de 1º da ESO do IES Otero Pedrayo de Ourense é incriblemente emocionante.

Grazas de corazón á súa profesora, Olga Quitana, por compartir este momento e por levar a Marta e á Píntega Oli con vós!

 

Comentarios desactivados en O acubillo de Marta e a píntega Oli na aula de 1º da ESO do IES Otero Pedrayo
Xan 30th, 2017 | Filed under libros, obradoiro
Tags:

Mulleres Bravas da Nosa Historia en Cee( 2017-01-27)

Hai presentacións que quedan na memoria. A de Cee entrará nesta categoría.

Primeiro por contar cunha muller brava como Marilar Aleixandre que, a semana anterior, entrou na Real Academia Galega. Só hai seis mulleres académicas e Marilar Aleixandre é unha delas.

Segundo pola xente que nos acompañou que participaron dun debate interesantísimo no que analizamos feitos curiosos relacionados con Rosalía de Castro e María Victoria Moreno.

 

 

Terceiro porque a pouco máis e non chegamos. Mentres Marilar Aleixandre termaba do acto, María Lado e o fotógrafo da Voz, Xesús Brúa, tiveron que vir rescatar o resto do equipo que acababa de quedar tirado no medio da estrada. As fotos de Xesús son as que saen na Voz e a quen lle debemos algo máis que a parte gráfica.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Escoitar a Marilar Aleixandre é, sempre, un grande pracer. Nesta ocasión, fíxonos un percorrido polas Mulleres Bravas da Nosa Historia que foi unha auténtica delicia. Fomos tremendamente afortunadas por poder contar con ela para esta presentación. Grazas a ela por dedicarnos o seu tempo e a quen nos acompañastes neste día!

Comentarios desactivados en Mulleres Bravas da Nosa Historia en Cee( 2017-01-27)
Xan 27th, 2017 | Filed under libros, presentacións
Tags:

O lugar onde nace a escrita

Grazas a Lermos.gal e a Xosé Duncan por este cubil das letras!

 

Comentarios desactivados en O lugar onde nace a escrita
Xan 23rd, 2017 | Filed under prensa, Tal como cho conto...
Tags:

Mulleres Bravas da Nosa Historia na CRTVG

A nosa editora, Andrea Jamardo, cóntanos máis cousiñas desta colección

Comentarios desactivados en Mulleres Bravas da Nosa Historia na CRTVG
Xan 16th, 2017 | Filed under libros, prensa
Tags: